Razóns de carácter laboral impediron que onte, malia a miña intención, asistise ao acto en que no museo do Marco (Vigo) o Colexio de Procuradores de Vigo puxo en valor a pertenza do celanovés ao mesmo a través do rescate de máis de medio cento de documentos inéditos que deitan unha información moi valiosa de carácter biográfico sobre Celso Emilio Ferreiro e que, asemade, ilumina un período vital -o que a grandes trazos vai desde 1950 a 1966- vizoso creativamente e, ao tempo, con indubidables atrancos de todo tipo.

Tiven a oportunidade de acceder de maneira fugaz á documentación exhumada -desde agora felizmente incorporada aos fondos da Fundación Celso Emilio Ferreiro– e podo asegurar que posúe un importante valor pola información que proxecta de cara a reformular algunha zona bretemosa ata o de agora no desenvolvemento profesional do seu labor como procurador e polo que atinxe á interpretación dalgunha temática transitada con certa frecuencia na súa obra literaria.
Tempo haberá de analizar coa atención precisa e vagar a totalidade deste material pero aquí deixo a miña satisfacción por este importante achado. Parabéns por esta iniciativa á institución do Colexio de Procuradores e ás persoas responsables de que chegase a feliz termo.