
Tzvetan Todorov, lingüista, teórico literario e historiador búlgaro, afirmou que unha sociedade, calquera que esta fose, precisaba coñecer a Historia, non só ter memoria, e aquela debería ter a verdade e a xustiza como únicos imperativos.
Neste ronsel, paréceme, sitúanse desde a súa concepción os dous libros que aquí nos ocupan e que, malia seren diferentes, comparten esa vontade implícita que os irmanda no obxectivo de difundir a nosa propia historia para que, dalgún xeito, poidamos tamén explicarnos o noso presente con ela.
Murado confesa que o seu libro, Outra idea de Galicia, é un ensaio, literario e non científico, nucleado no que denomina o “ser” de Galicia. Para construílo aprópiase de ferramentas divulgativas e dun meditado ton narrativo co confesado obxectivo -quizais unha verdadeira técnica narrativa- de desfacer tópicos e lugares comúns. Dáse aquí, deste xeito, un proceso dinámico, por veces un auténtico rodopío, conformado por numerosos interrogantes que se formulan con recorrencia: algúns deles sobre a invención, ou non, dalgúns mitos que se converten en verdade, outros sobre certas imaxes falsas, por veces verdadeiras fantasías, que o tempo foi asentando e que, daquela, enriquecen este libro converténdoo nunha proposta activa e envolvente, guiada asemade desde o comezo polo marabilloso mapa de Domingo Fontán, que o enchoupa cunha sorte de espírito cartográfico que moito gustaría ao propio Otero Pedrayo. Aquí e acolá, así pois, por moito que sospeitemos coñecer sobre o noso pasado, agroman con certeza datos, referencias ou informacións que non deixan de sorprender, por agochadas, silenciadas ou, simplemente, porque non gozamos da sorte de alguén nolo contara.
Respecto do libro de Ramón Villares hei de confesar que me acompaña, desde a primeira das súas diversas edicións, como unha achega insubstituíble para calibrar e entender os socalcos históricos que Galicia percorreu ata o presente. Un libro que contribuíu e contribúe, con solvencia e rigor, desde as ferramentas do especialista, isto é, do historiador, a deseñar as liñas de sentido máis relevantes do noso pasado e a desvelar as claves da nosa singularidade, se se quere da nosa propia identidade sobre a que en tantas ocasións paira unha sombra escura e inextricable. O libro axudou, malia que talvez o autor non considerase ese como un obxectivo primordial, a que tras saber de nós medrase a conciencia dunha autoestima que, por veces, tanto nos falta.
Desde a edición de 1984 na editorial Galaxia, con aquela cuberta azul da “Biblioteca Básica da Cultura Galega” e publicada baixo o título de Galicia. A historia, ata esta que acolle La Voz de Galicia, o seu autor foi alimentando a idea inicial con achegas monográficas, que ampliaron o proxecto inicial ao reparar na entidade substantiva que, na propia historia, foron cobrando tanto as cidades galegas ou como aqueloutra capital de Galicia alén mar e que representaba a cidade de Bos Aires. Un libro, como o de Murado, que ben merece estar en todos os fogares galegos.
Este artigo publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 11 de decembro de 2020, na sección “Ex umbra in solem”.