A biblioteca Nós

Trala publicación dunha útil Antoloxía da Época Nós, nunha traballada edición a cargo de Patricia Arias Chachero, achega a Editorial Galaxia os dez primeiros títulos da denominada “Biblioteca Nós”.

Nesta ocasión ofrécense diversas pezas de autores como Vicente Risco, Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas, Antón Losada Diéguez, Antón Vilar Ponte ou Castelao.

De Vicente Risco recupéranse, en edicións exentas, dous títulos como son Teoría do nacionalismo galego, que conta cun extenso prólogo a cargo de Serxio María Rodríguez Álvarez ou Leria, cun suxestivo prólogo a cargo de Patricia Arias: un volume que hai anos era de lectura obrigatoria na materia de literatura galega os estudos de filoloxía e que resultaba imposible de atopar. Tamén sobre o mesmo intelectual ourensán a serie rescata a biografía que escribiu Carlos Casares baixo o título de Vicente Risco.

A estes sinalados súmanse reedicións de Ramón Otero Pedrayo como son Polos vieiros da saudade, un relato da súa viaxe a América e o reencontro con Castelao; Entre a vendima e a castañeira, un dos seus máis celebrados libros de contos e O Señorito da Reboraina, na que se revela, con ironía, a figura de Xoán Manuel Pereira: un revolucionario liberal da Galicia do século XIX. Edicións todas elas actualizadas normativamente pero carentes de introdución ou limiar.

Alén dos anteriores recupérase a figura de Antonio Losada Diéguez no título  O esquecido mentor de Nós. Escolma de textos, 1900-1929, nunha edición a cargo de Justo Beramendi, máximo especialista neste autor. Faise o mesmo cun libro tamén inatopable como é Co pensamento na patria, de Antón Vilar Ponte, nunha selección e introdución a cargo de Xurxo Martínez Gómez, en que se inclúe unha heteroxénea escolma de artigos de asunto político, literario ou cultural.

Dous títulos máis completan esta primeira entrega da serie como son a antoloxía Antífona da cantiga, de Ramón Cabanillas e o Diario 1921, de Castelao.

Boa andaina para este proxecto tan necesario e que cobre moitas lagoas nos eidos dalgúns dos textos clásicos, xornalísticos, ensaísticos ou narrativos, máis canonizados pero de difícil acceso.