nós outras, de Marica Campo e Menchu Lamas

Marica Campo e Menchu Lamas

nós outras

Chan da Pólvora, colecc. Udra, 40 páxinas, 16 €, Santiago de Compostela

Resulta un exercicio difícil, non teño dúbida, facer poesía para a infancia. Marica Campo, que ten unha longa e brillante traxectoria neste e noutros ámbitos creativos, asómase de novo a esa dimensión para ofrecer nós outras: unha edición acompañada por ese estoupido cromático e esa enerxía innata que arrastran as imaxes de Menchu Lamas coas súas recorrentes mans abertas como símbolo de unión colectiva que, dalgún xeito, articulan un convite á integración e á confluencia nos valores do respecto á igualdade do ser humano.

nós outras, así pois, abéirase a unha temática moi concreta como é o de construír un diálogo poético, tamén propedéutico, coas persoas máis novas focalizando unha temática que dirixe a súa ollada cara á diversidade, algo máis necesario que nunca nestes tempos de confusión. Velaí como as composicións de Marica Campo percorren, con claridade expositiva e ritmo propio, a cerna de asuntos como son a paz, a solidariedade, o cultivo da liberdade persoal e o amentado respecto ás persoas que posúen as súas propias características: un camiño operativo para combater, por extensión, os prexuízos sociais, os estereotipos ou o acoso escolar e non só.

Un libro, ademais, editado requintadamente, no que se deposita unha funcionalidade transformadora extraordinaria. Oxalá sexa moi lido.