Xela Arias: unha voz transgresora

Foto Xulio Gil / Edicións Xerais de Galicia

As páxinas de Cultura de La Voz de Galicia incorporaron onte á noite un perfil de urxencia sobre a escritora que protagonizará o Día das Letras Galegas 2021 tal e como a Academia Galega fixo público onte.

Comparto aquí estas liñas e, alén de agradecer a oportunidade que se me brindou para expresar a miña opinión sobre este nomeamento, deixo tamén constancia da miña alegría por esta decisión.

Desde o ano 2014 aparecía o nome de Xela Arias (Sarria, 1962 – Vigo, 2003) como unha das posibles opcións para protagonizar esta celebración que posúe unha singular relevancia no noso ámbito cultural e social. Teño para min, con todo, que a figura de Carvalho Calero quedou sen reivindicar todo o que na realidade e por xustiza merecería nun ano malfadado e, asemade, esta escolla, decidida serodiamente polas circunstancias derivadas da pandemia, agardo que non desluza a atención crítica, editorial e mediática que a obra de Xela Arias merece. Os seus méritos están máis que xustificados como testemuña a súa voz sólida, independente e transgresora, espellada nunha produción creativa viva e intensa, innovadora e descarnada.

Cómpre, así pois, pór ao día a súa figura e salientar os valores da súa actividade creativa. A figura de Xela Arias deberíase abordar desde numerosas perspectivas: ao seu labor como editora, realizado durante moitos anos  no seo de Edicións Xerais de Galicia, súmase  a súa ocupación como profesional do ensino, que exerceu durante os seus últimos anos en diferentes centros de educación secundaria e onde deixou mostra da súa vocación docente e de entender esta como unha maneira de transformar o mundo.

            Literariamente, faise preciso poñer o foco tanto no seu excelente labor como tradutora onde verteu á nosa lingua pezas literarias de  Gianni Rodari, Jorge Amado, Roald Dahl, James Joyce, James Fenimore Cooper, Bram Stoker, Angela Carter, Baudelaire ou Jean Rhys como na súa actividade como poeta: ámbito no que afortunadamente xa podemos contar cun volume que recolle boa parte da súa obra nunha edición de referencia a cargo da profesora Mª Xesús Nogueira que, baixo o título de Poesía reunida (1982-2004)  (Xerais, 2008) inclúe, alén de textos dispersos,  o seu debut prometedor encerrado na Denuncia do equilibrio (1986), as páxinas do seu voraz Tigres coma cabalos (1990), a transgresora interiorización da vivencia maternal en Darío a diario (1996) e os poemas agrupados baixo o título de Intempériome (2003): talvez o libro onde repousa a súa palabra máis heterodoxa e iconoclasta. É tamén a devandita especialista quen asina un limiar nese libro que se converte, hoxe por hoxe, na achega máis rigorosa do seu perfil biográfico e literario, a carón doutros textos que integran o libro homenaxe Xela Arias, quedas en nós (Xerais-AELG, 2004).

Sospeito que tamén se atenderá á súa presenza, máis ocasional pero relevante, como narradora e, abofé, ao seu compromiso e implicación irrenunciable coa nosa lingua, a carón da pegada que deixou en moitos movementos cívicos e feministas nos que sempre estivo en primeira liña.

Dedicarlle as Letras Galegas no 2021 debería entenderse como un reencontro con esa “espiral continua / sinuosa, delicada e interminable” que é a súa obra: unha oportunidade para reclamar a vixencia e modernidade do seu discurso literario.

un reencontro con esa “espiral continua / sinuosa, delicada e interminable” que é a súa obra