Ferrol, a minha terra, de Ricardo Carvalho Calero

Ricardo Carvalho Calero

Ferrol, a minha terra (selección de Xosé María Dobarro; ilustracións de Calros Silvar)

Embora, Ferrol, 48 páxinas, 12 €, 2020

Aínda no ano Carvalho Calero recibo este pequeno libriño no que o profesor Dobarro selecciona e introduce brevemente un grupo de poemas, acompañados por ilustracións debidas a Calros Silvar, que se centran tematicamente nas alusións que Carvalho distribuíu a Ferrol en diversos libros.

Editado con elegancia, Ferrol, a minha terra, incorpora un total de dezaoito poemas reproducidos tal e como foron publicados ou escritos orixinalmente. Gran parte deles proveñen dun caderno mecanografado datado en 1944 e titulado O trebo das catro follas que o propio Carvalho deixou nas mans da profesora Carmen Blanco, quen o publicou, en 1996, en Moenia. Revista Lucense de Lingüística e Literatura. Tres poemas máis publicáronse por vez primeira nas páxinas da revista pontevedresa Sonata Gallega en 1949 e os dous que completan a entrega -“Ferrol 1916” e [Cruzando a ría]- pertencen aos seus últimos libros.

Unha excelente oportunidade, a meu ver, para percorrer ese universo que recrea e constrúe a infancia e outras épocas do profesor ferrolán que van desde os sinxelos textos iniciais e de filiación neo-popularista e paisaxística até outros máis propios da madurez creativa onde a presenza de topónimos ou, no seu caso, dunha visión reflexiva sobre o paso do tempo, remiten aos territorios evocados polo poeta: Laraxe, Cadavás, Magalofes, San Mamede, Limodre, Perlío, Esteiro, Curuxeiras, Balón, Reboredo e, xaora, a propia cidade de Ferrol.

Unha fermosa iniciativa cuxo interese vai, evidentemente, máis aló do puramente local. Parabéns por levala a cabo.