O canguro alcohólico, de Kenneth Cook

Kenneth Cook

O canguro alcohólico (tradución de Moisés Barcia)

Rinoceronte, Cangas, 178 páxinas, 17 €, 2020

Kenneth Cook (1929-1987) foi xornalista, guionista, presentador de televisión e activista político, especialmente comprometido contra a guerra de Vietnam. Entre a súa ampla obra narrativa, mágoa que aínda non poidamos ler en galego o seu memorable Pánico ao amencer, encóntrase O canguro alcohólico, que forma parte dun triloxía de relatos centrada en sucesos que transcorren no territorio australiano do chamado Outback, isto é, o lugar onde se sitúa o interior desértico australiano.

Hai aquí relatos de excelente factura e outros que non o son tanto, malia que o resultado final é máis que satisfactorio. Cook aborda aquí, con ironía e con grandes doses de humor -aínda que non en todos os relatos- as singularidades destes lugares, tanto no que se refire ás persoas que o habitan como dos animais que poboan este territorio, respecto dos que algúns personaxes manteñen unha relación obsesiva de maneira que todo abala entre unha crónica cómica, en ocasións case kafkiana e sempre retranqueira, de determinados episodios talvez con base real, ata outros onde o que domina é a ficción dramática que nos conduce por situacións e vivencias ás veces marabillosamente delirantes.