Friaxe, de Raposa

Raposa

Friaxe (textos de Novalis traducidos por Yolanda Castaño)

Demo Editorial. A Coruña, 64 páxinas, 13,90 euros, 2020

Unha proposta audaz e, ao mesmo tempo, altamente satisfactoria é esta que propuxo Demo Editorial ao dar ao prelo unha intepretación, en banda deseñada, e neste caso en clave de ficción científica, dun corpus textual do poeta romántico alemán Novalis tirado dos seus célebres Himnos á noite -traducidos por Jaime Santoro, en 1997 para Espiral Maior- e vertidos á nosa lingua nesta ocasión, con excelencia e inequívoco acerto, pola poeta Yolanda Castaño.

Raposa, pseudónimo de Antonio Reboredo, realiza un traballo espléndido nesta orixinal publicación pois Friaxe abéiranos a un universo desacougante, cheo de preguntas sen resposta, cunha perspectiva onde afonda en asuntos como os conflitos bélicos, a soidade, a perda da identidade, o uso da violencia ou a cuestión de xénero inspirándose nun discurso marcado polas tebras e o enigmático.

Unha publicación á que talvez lle acaia a sentenza que o propio Novalis deixou cando falaba dos soños e da vida: “porque a nosa vida non é un soño, pero debe converterse nel, e é probable que o consiga”.

Velaquí un suxestivo book tráiler deste título.