A desvértebra, de Ana Romaní

Ana Romaní

A desvértebra

Chan da Pólvora, Santiago de Compostela, 16 €, 176 pp., 2020

Desvertebrar, nunha das súas acepcións, significa desfacer a estrutura interna que lle outorga solidez ou estabilidade a algo. Gústame pensar que A desvértebra, ese neoloxismo que Ana Romaní vai pór no foco de atención ao situalo á fronte do seu último libro, camiña por estes eidos, isto é, polos de se cuestionar a esencia do establecido e do inmutable e, talvez por iso, dialogue cos conceptos do quebranto e do disruptivo ao encarnar en si mesmo unha dimensión de renovación radical. Neste libro alenta unha semántica que agroma, talvez, da negación da vértebra, isto é, fálasenos en aparencia desde a instancia do que xa non é quen de soster nada, da inmediatez do colapso ou do baleiro que queda cando se extrae e se quere facer desaparecer o que antes era vital.

          Nun territorio construído por catro seccións -o “urdido”, “a carne”, o “xiro” e mais os “fíos”-  conxúganse distintas voces para propiciar unha perspectiva crítica, en ocasións marcadamente irónica e desacougante que articula de seu unha proposta orgánica, case vexetal: un ser vivo operativo para contemplar e activarse diante dun proceso que é o da demolición da propia liberdade e o da destrución do corpo, sen esquecer cal é o peso das ausencias e da dor.   

          Nun dos poemas que precede á primeira  das partes –“terma”- ofrécense algunhas claves posibles para interpretalo: nel fálase de “memoria” -tamén daquela “que esquece”-, do “corpo” e da “dimensión da obediencia sometida / ao urdido”. E é na sección “urdido” onde nos batemos cos ecos da persecución e da usurpación, da extenuación como pobo ou da mentira e do silencio cómplice como bandeiras, a carón do que se agocha tras a orde patriarcal, tras o asedio ou tras a manipulación da linguaxe para asomarnos, despois, á irreversibilidade da doenza que conduce á nada e á morte, ás “columnas quebradas” abrazadas a un fío conclusivo que anoa unha proposta perdurable.

Este texto publicouse na sección “Ex umbra in solem” das páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 15 de xaneiro de 2021.

NOTA: E tal e como informa Chan da Pólvora existe un proxecto, levado a cabo por Chus Silva e Ana Romaní, ao abeiro do Laboratorio de Indagacións Poéticas (LIPo), que se nuclea por volta da realización de “audiografías” baseadas nos poemas deste libro. Deixo aquí dúas mostras desta suxestiva extensión do libro.