Fiz Vergara Vilariño. Fotobiografía, de Yago Rodríguez Yáñez

Yago Rodríguez Yáñez

Fiz Vergara Vilariño. Fotobiografía

Galaxia, Vigo, 88 páxinas, 20 €, 2020

Recibín hai pouco tempo un exemplar desta Fotobiografía dedicada á figura de Fiz Vergara Vilariño e que se publica baixo a responsabilidade do profesor Yago Rodríguez Yáñez, un dos máximos especialistas nos aspectos biográficos e literarios de Fiz Vergara como xa testemuñou con outras publicacións anteriores.

Este volume, así pois, achéganos ao universo que protagonizou Fiz Vergara, marcado con xustiza polo traballo desenvolto no ámbito literario e, indiscutiblemente, pola loita persoal que levou a cabo contra a enfermidade desde ben novo. Prologado con acertadas palabras a cargo de Xulio Xiz, o libro estrutúrase en tres seccións que percorren os aspectos máis puramente biográficos, aqueloutros que afectan ao seu labor creativo e, finalmente, desembocan nunha útil e operativa cronobiografía.

É, así pois, o profesor Yago Rodríguez quen nos vai conducindo con minuciosidade e solvencia tanto polos aspectos vitais como, sobre todo, polos literarios onde repara coa atención precisa nos seus primeiros pasos, deténdose en todas as publicacións en forma de libro e que van desde Pra vós (1971) ata Animal sen fel (1998), pasando entre outros como Orfo de ti en terra adentro (1976) ou Nos eidos da bremanza (1990), cuxos contidos son estudados e debullados con inequívoca solidez, mergullándose naquelas claves máis singulares de cada un deles, revelando a sorte editorial que correron e a súa recepción- a carón de dous capítulos de estimado interese para min como son os titulados “Cravo Fondo” e “O muíño e a soidade en Allasant de Arazoul”.

Un dos factores que singularizan as publicacións abeiradas a este formato son, loxicamente, os documentos incorporados e que permiten, neste casop,. transitar visualmente pola biografía de Fiz Vergara. Velaí, así pois, un corpus abondoso de fotografías, xa non só do autor e da súa familia, senón tamén dos amigos e amigas, a carón de numerosas interpretacións pictóricas a cargo de Margarita Rodríguez Yáñez, que iluminan e, ao mesmo tempo, nos familiarizan co espazo da Lóuzara Xabreira -onde estaba o seu Macondo particular en palabras de Xulio Xiz- e que resulta inevitable para entender cabalmente a súa obra literaria. Operativas, non o dubido, para revelarnos tamén a fasquía deses micro-espazos claves no que foi o seu universo poético como a Fonte da Cova, o muíño e a casa de Santalla de Lóuzara por poñer só algúns exemplos.

Unha publicación que é un paso adiante, ao meu ver, cara á precisa e xusta difusión dunha voz que marchou pronto pero á que cómpre volver con frecuencia e valorar na súa xusta medida.