Eu son A, de Steve Tasane

Steve Tasane

Eu son A (tradución de Carlos Acevedo)

Faktoría K de Libros, Pontevedra, 120 páxs., 13 €, 2020.

Ofrécenos Faktoría K de Libros un libro de singular fasquía dun escritor inglés que descoñecía como é Steve Tasane, que encerra en Eu son A unha proposta singular cuxo principal valor fago nuclear no proceso de desvelar unha realidade como é o da supervivencia das nenas e nenos nos campos de refuxiados escrito, paréceme, desde unha honestidade exenta de sentimentalidades ou do politicamente correcto.

A, así pois, condúcenos por un territorio inhóspito caracterizado pola extrema dureza para sobrevivir: convídanos a entrar nun universo do que sabemos a súa existencia pero ao que tantas veces lle damos as costas. Ademais faino recorrendo á verosimilitude pois A fala, pensa e actúa como un neno, desposuído, como os seus amigos, do que chaman “libro de vida”, isto é, dos documentos que certifiquen a súa existencia, o seu propio nome, a súa familia e a súa orixe. A convértese, así pois, nun personaxe imborrable pois é un símbolo da invisibilidade, da importancia que reside tanto no concepto da identidade como no sentimento de pertenza a algo ou alguén onde un autobús de dous pisos é a única esperanza que escintila para mellorar a vida. A, malia súa curta idade, confía en que o mellor estar por vir, cultiva un espírito positivo e ilusionado, garda a memoria da familia coma un tesouro e é consciente, ademais, de que ten que contar a súa vida pois “se ninguén escoita as nosas historias, xamais sairemos deste sitio”. Steve Tasane fixo que A as contase e este é un esforzo que cómpre agradecer.