Miguel Anxo Alonso Diz e Luz Beloso
Unha folla vermella
Autoedición, Vigo, 72 pp., 19 €, 2020
Ofrece, desde hai algún tempo e nunha traballada autoedición, un novo título ese tándem creativo conformado por Miguel Anxo Alonso Diz e Luz Beloso.
Nesta ocasión Unha folla vermella é, así pois, un proxecto que se acolle ao formato de álbum ilustrado presentado nunha edición numerada e limitada onde se percorre unha liña argumental que repara no proceso de creación artística, e na propia experiencia creativa, nun contexto contemporáneo e onde hoxe, coma onte, hai sempre que se enfrontar con dificultades e atrancos, vencidas sempre coa fe depositada na dinámica de explicar universo que se idea aos demais .
Prologado por Kiko da Silva, este apunta, con acerto ao meu ver, como por veces é na natureza onde se atopa o espazo e a fonte de inspiración para ollar as cousas desde outra perspectiva. En efecto, aquí repousa unha das claves deste libro, isto é, o de articular unha ollada intensa, desacougante ás veces mais sempre esperanzada, cargada de símbolos, sobre ese motivo da creación tratado con exquisitez e sensibilidade onde a resolución ao conflito está ao noso arredor. Velaí ese rodopío de sensacións que se abeiran a outros motivos como a soidade, a procura da inspiración, o traballo rutineiro e o esforzo, tan ben representados, por outra parte, na suxestiva lectura plástica de Luz Beloso acaroada con efectividade á focalización de rostros ou espazos con técnicas de filiación fotográfica en moitas das imaxes.
Un pracer volver atoparse con outra obra de Alonso e Beloso.