Interna, de Oriana Méndez

Oriana Méndez

Interna

Centro PEN, Vigo, 64 páxinas, 18 €, 2020

Interna, volume que se alzou co Premio de Poesía AFundación 2020, é un artefacto literario de Oriana Méndez onde o texto se somete a un proceso reflexivo e privativo, onde a lingua volve -afortunadamente- a dinamitarse para agromar nun contexto pandémico como se espella en moitos dos poemas. Velaquí un percorrido, así pois, operativo para atravesar un período vital inédito e erixido desde unha perspectiva interior, que tamén abre outros horizontes na propia obra da autora viguesa.

Danse a man neste Interna o onírico, dominado por unha imaxinaría brillante, por veces críptica e en tantas ocasións de filiación visionaria, xunto co simbólico espellado na corporeidade, nos territorios visitados e revividos mais tamén na presenza das lobas e dos corvos, dos cabalos de sombra, das moscas e das larvas, das lavercas e os cans a camiñaren á par de nós: a desvelaren así o “lugar do equívoco” construído polo cruzamento inequívoco que se dá entre a morte e a esperanza -esa “chaga da luz”- que se mergulla nestas páxinas a carón dos espazos da sombra, por veces da ira e o tremor, sen esquecer e a presenza da memoria que tantas veces emerxe do pouso desa cinsa evocada aquí e acolá como imaxe do destruído, talvez do que aboia na evocación e no proceso de reinterpretación, se cadra para aprehendelo todo de novo, para explorarse e para ofrecérnolo xenerosamente.

Por certo, magnífico limiar de Daniel Salgado, de lectura obrigada.