Dous vídeos sobre Pepe Velo (Xosé Velo Mosquera)

Aser Álvarez faime chegar dous interesantes vídeos vinculados coa figura do celanovés Pepe Velo. O primeiro é unha curtametraxe, realizada por Arraianos Producións para ACUDE Rural e a Deputación de Pontevedra. Dirixida por el mesmo e Nadia Sniba conta con animacións de Aldán Delgado e unha fermosa banda sonora a cargo de Sindo Otero Badás, que musica un poema inédito de Xosé Velo Mosquera. Nel desvélase un aspecto descoñecido da biografía de Xosé Velo Mosquera como foi a súa vinculación coa guerrilla antifranquista galega durante os anos en que viviu en Vigo.

No segundo, recréase a arenga pronunciada por Velo Mosquera a bordo do transatlántico Santa María, rebautizado como Santa Liberdade polos comandos do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) en xaneiro de 1961, hai xustamente agora 60 anos.

Dous documentos audiovisuais de inequívoco interese como material didáctico e, en xeral, informativo e histórico. Moitas grazas!