Zona a defender, de Manuel Rivas

Manuel Rivas

Zona a defender

Xerais, Vigo, 176 páxinas, 17,50 €, 2020

Deixounos Manuel Rivas un novo galano baixo o título de Zona a defender no que supón unha achega substantiva do escritor coruñés ao ámbito do pensamento crítico que adquire forma a través dunha escrita de fondo pouso metafórico, e de vontade revolucionaria tamén, que deseña -baixo o título que recrea unha expresión común en Francia para a resistencia e a loita ecolóxica- unha formulación brillante por volta dalgúns dos grandes retos, e realidades, do noso tempo.

O libro abraza unha estrutura tripartita. A primeira abéirase ao título de “A esperanza indócil. Manifesto Maydaye nela articula a argumentación para a necesidade do “código Mayday”, isto é, desa alerta de socorro emitida diante das vulnerabilidades. Unha alerta que é, asemade, unha reivindicación dos espazos de biodiversidade, dunha sociedade solidaria, do humor, do feminismo, da cultura, do valor da insurxencia e dos afectos que axuden a recuperar a dignidade.

O segundo bloque, baixo a denominación da “Psicoxeografía dos ventos”, acolle textos de filiación máis xornalística percorridos por experiencias, vivencias, lecturas e unha visión sobre novas tecnoloxías ou os negacionismos, sempre contra os conformismos. O terceiro, “A illa inventada”, é unha saborosa compilación de pensamentos breves, a abalar entre filosofía, o aforismo e a poesía.

Unha das reflexións que maior interese me suscitaron, entre outras, é esa necesidade de realizar unha “ecoloxía das palabras”: esa esixencia perentoria que advirte como elemental no ámbito da creación literaria e no xornalismo para volverlle o verdadeiro sentido que as palabras teñen, manipuladas ou arroupadas por unha perversa intención nos últimos tempos. Un libro cheo de compromiso coa vida porque o autor é quen de escoitar os seus latexos e de transformalos en palabras. Desvela claves do noso tempo por se non somos quen de velas con claridade. Non é pouca cousa.

Ester texto publicouse na sección “Ex umbra in solem“, nas páxinas do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 22 de xaneiro de 2021.