A nosa Negra, de Harriet E. Wilson

Harriet E. Wilson

A nosa Negra (tradución de María Reimóndez)

Hugin e Munin, Santiago, 124 páxinas, 14 €, 2020

Harriet E. Wilson (1825-1900) era unha autora practicamente descoñecida até comezos dos anos oitenta, cando a súa figura e sobre todo a súa obra literaria -cinguida á súa novela Our Nig (1859)- comezou a poñerse en valor como a primeira novela publicada nos EUA por unha afroamericana, inspirada en vivencias autobiográficas e que deitaba luz, en suma, sobre a servidume practicada contra a poboación negra nos estados do Norte antes da guerra e nunha época en que se debatía o abolicionismo.

As páxinas de A nosa Negra revelan, coa forza da ficción que nace daquilo experimentado en primeira persoa, o que hoxe podemos entender como inconcibible mais que era práctica habitual nun tempo onde o valor que simbolizaba a vida dunha nena negra,e abandonada, era pouco menos que inexistente. Lin con especial atención o relato no que a protagonista, Frado, sen familia propia que terme dela, realiza do seu día a día como criada no fogar dunha familia branca no Massachusetts do século XIX, sometida a un trato escravista que se espella con toda claridade e tensión, vehiculizado a través dos abusos e do exercicio do racismo máis brutal. Menor interese me suscitaron outras partes destinadas tanto ao argumento de filiación máis sentimental -aínda que case ineludible na época e que dalgún xeito explica a sorte que correu a vida de Frado antes e despois da súa experiencia como criada- como aqueloutro que apunta ao progreso e conversión á fe cristiá, mais tamén interesante pois revela as dificultades que sofre para ser aceptada nunha comunidade máis atenta á cor da pel e á pertenza a unha clase social desprezada, como a que simboliza Frado, que a outros valores que se presuporían.

Acrecento, finalmente, os meus parabéns polo traballo tradutolóxico de María Reimondez que transmite o máximo respecto e fidelidade a unha tonalidade que nos sitúa, con acerto e naturalidade, no rexistro que agardamos dunha peza singular da literatura de denuncia do século XIX como esta; a carón de ser responsable dun corpus de notas a rodapé útil e de inexcusable validez para trazar, asemade, os modelos ou referentes que Harriet E. Wilson abrazaba nos paratextos da súa novela: unha sorte poder gozala, así, na nosa lingua.