Ramón D. Veiga (texto) e David Sierra (ilustracións)
Non pare a festa. É tempo de entroido 2
Xerais, Vigo, 40 páxinas, 14 €, 2021.
Hai dous anos ocupárame de É tempo de entroido!, libro que me parecera unha atinada idea pois, dalgún xeito, puña en valor os trazos diferenciais do noso entroido máis popular, nunha proposta especialmente operativa para divulgalo entre os máis novos. Do mesmo xeito, e nun formato de álbum ilustrado que, como era de agardar, propón un potente percorrido visual a cargo de David Sierra no ronsel da primeira entrega, este Non pare a festa amplía, afortunadamente, ese percorrido polo entroido galego guiados pola man de Ramón D. Veiga con textos cargados de ritmo e ironía que arrastran e contaxian esa explosión espontánea, festeira e chea de humor que debe ser o noso entroido.
Velaquí como se xuntan boteiros, gárgolas, vellarróns, mázcaras, chocalleiros, peliqueiras, follateiros, madamas, cabreiros, vixigueiros ou fedellosos, entre outras figuras, convocados para faceren festa e ruído e, ao tempo, lembrarnos a riqueza desta tradición popular.
Como xa ocorrera na anterior entrega, este libro enriquécese coa posibilidade de dúas descargas como son un karaoke homónimo que incorporo abaixo ou un mp3 para escoitar a peza “Non pare a festa” de Os amigos dos Músicos.
Os meus parabéns por esta nova iniciativa, de inexcusable utilidade didáctica por certo, que sen dúbida axudará a pasar un entroido, confinado, mais que sempre será entroido.