Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso, de Xosé Ramón Fandiño

Xosé Ramón Fandiño

Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso

Concello de Santiago, Santiago de Compostela, 2020.

Sentimentos e sensacións encontradas son as que me suscita a lectura deste libro. En primeiro lugar saliento o positivo que é moito, isto é, o de gozar da posibilidade de dispor, a partir de agora, dun volume referencial que recolle as liñas de sentido biográficas máis salientables dunha desas persoas que, e non é hipérbole, prestaron a súa vida a un proxecto común como foi modernizar un país, o noso, e apostar por facer as cousas ben, como adoitaba dicir, dono dunha capacidade de traballo extraordinaria. Neste sentido, este traballo, ao meu ver resulta exemplar e modélico por extraordinariamente documentado e minucioso, mesmo engadiría que “sentido”: inequivocamente sentido ao proceder de alguén que o tratou e que cultivou unha longa amizade como é o estudoso, investigador e escritor Xosé Ramón Fandiño. A lectura produce tamén, como sinalei, ese sensabor de confirmar unha biografía que debeu concluír doutra maneira ben distinta e non marcada pola usura dalgunhas persoas.

O libro estrutúrase, así pois, cun criterio de carácter cronolóxico que arrinca desde Santiago de Compostela onde percorre os anos de infancia e mocidade para salientar, tamén, a figura de Camilo Díaz Baliño, pai de Isaac de quen mesmo se incorporan os retratos na cadea que realizou en 1936 aos seus compañeiros de cela: un documento visual estarrecedor e inesquecible. Talvez este capítulo é dos máis significativos e demoledores pois subliña ese truncamento vital que supuxo a guerra civil para el e para os seus, lembrándonos asemade -pois o libro é tamén un diálogo cos textos que Díaz Pardo foi debullando ao longo da súa vida que as páxinas que escribiu sobre a guerra civil foron feitas “sen resentimento, guiadas unicamente pola idea de manter a memoria dos inmolados e dos exiliados e para que o que el chamaba o anxo desmemorizador non provocase un ermo de anmesia retrógrada”, da man, sobra dicilo, de alguén implicado intensamente, desde moi novo, nas doutrinas máis progresistas e compromiso co seu país.

A revisión biográfica continúa desvelando datos moi interesantes arredor dos seus estudos de Belas Artes e a súa proxección como artista plástico, ao tempo que aborda a decisión de abandonar esta carreira máis que prometedora diante dunha proposta que considerou indignante como foi a de incorporarse como artista no val dos Caído ; ao que engade, sempre con excelente documentación na man, o relato do nacemento e desenvolvemento das Cerámicas do Castro ou dos proxectos das Porcelanas de Magdalena e do Laboratorio de Formas, Fabuloso, por certo, o organigrama do grupo de empresas Sargadelos e que tantas cousas axuda a entender.

Non esquece Fandiño abordar as facetas de Díaz Pardo como escritor, debuxante, cartelista e escenógrafo para pechar cun capítulo igualmente esclarecedor, crítico e obxectivo -realmente preciso para que se coñezan as dimensións do seu triste e inxusto final- como é o titulado “Final da utopía”, onde se desvela como se esluíu o compromiso ético que quixo sempre estender ás súas iniciativas.

Reparo, finalmente, na coidada estética dun volume auspiciado por unha corporación municipal como é a de Santiago de Compostela, atenta a perseverar na memoria -a través dos libros e doutras iniciativas- daquelas persoas que foron claves, dun xeito ou doutro, no devir histórico da cidade: unha xusta iniciativa para conmemorar o centenario do nacemento do Isaac Díaz Pardo en 2020. Gratificante, sen dúbida, atopar libros desta calidade, por dentro e por fóra, e que grande exemplo para outras cidades, como Vigo, tantos anos de costas a proxectos semellantes ao presente. Un libro básico contra a desmemoria.