Os Cantares gallegos, revisados e reinterpretados

Chegoume, preto xa da data rosaliana do 24 de febreiro, un exemplar da nova edición dos Cantares gallegos a cargo da profesora e rosalióloga María do Cebreiro. Particularmente, como director da colección na que ve a luz, síntome moi satisfeito desta achega porque axuda a ver este libro inaugural da nosa tradición literaria contemporánea con outros ollos e posibilita reparar, desde diferentes paradigmas , na importancia que atesourou e aínda atesoura na actualidade, revelando por extensión que este é un libro vivo, actuante e dono dunha inesgotable e heteroxénea proxección interpretativa.

María do Cebreiro, así pois, alén de incorporar un corpus abondoso de notas a rodapé de cada un dos poemas rosalianos que iluminan cada composición e que suxiren moitas e diferentes lecturas, é a responsable dun innovador estudo introdutorio no que, alén de dialogar coa bibliografía que este libro e a figura de Rosalía xeraron nos últimos tempos, abéirase a unha orixinal interpretación do corpus poético rosaliano contido neste libro baixo a óptica dos estudos da denominada xeografía literaria e da ecocrítica, perspectiva que deita ao meu ver, luminosos e excelentes resultados ao repensar os poemas nunha dirección que, respectivamente, amplía as dimensións interpretativas do libro e outorga unha capital relevancia ás relacións e aos vínculos, onde o propio corpo cobra un sentido clave e relucente para afondar nesa liña de sentido que apunta a entendelo como un verdadeiro “canto de celebración” entre outras lecturas. Convido, vivamente, a coñecer esta edición, ben acaída para analistas mais tamén para o público en xeral.