Bernhard Schlink
O lector (tradución de David A. Álvarez Martínez)
Hugin e Munin, Santiago, 228 páxinas, 15 €, 2020
Avalado por ser un dos libros máis destacados desde os anos oitenta, tanto pola súa recepción no ámbito da crítica como pola súa acollida entre o público, O lector, de Bernhard Schlink, chega agora en tradución galega nun moi solvente traballo a cargo de David A. Álvarez Martínez.
Trátase dunha defensa da lectura como vía de formación persoal e de entretemento? En boa parte si mais, se cadra, a intención de Schlink era a de manexar outros focos de interese que construísen, por xunto, unha proposta que partise desde o que a instancia das novelas de formación formula para navegar tamén outras augas como poden ser as da novela histórica. Nas primeiras páxinas amosa, así pois, a vida dun adolescente chamado Michael Berg e a relación sentimental que establece cunha muller madura e un tanto enigmática como é Hanna Schmitz. Un período que se converterá nunha sorte de presenza recorrente que condicionará a súa vida e o seu futuro como se confirmará, por exemplo, no matrimonio posterior de Berg -ao que talvez se lle outorga pouca profundidade como a outras posibles claves da súa vida-, indicio talvez dunha sempiterna dislocación que, recoñece, foi a súa vida.
Ao meu ver, a novela gaña en intensidade cando a voz narrativa, que manexa con acerto os mecanismos do memorialismo, explora nas páxinas posteriores os ecos da barbarie nazi, operativos para abrir un debate interno no que o propio protagonista comeza un proceso de reflexión persoal, mais tamén de corte colectivo ou xeracional, formulando cuestións de fondo ético que apuntan á equidistancia, ou non, das xeracións máis novas de alemáns respecto dos seus propios pais e do que fixeron nun período convulso e tráxico da historia alemá. Tamén se poñen enriba da mesa cuestións como as dimensións das deslealdades, a ponderación da xustiza, o valor do perdón, da redención ou o sentimento de culpabilidade. Unha lectura, sen dúbida, memorable.
Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 5 de febreiro de 2020, na sección “Ex umbra in solem”.