Soños / Sueños de Cajamarca

VV.AA.

Soños / Sueños de Cajamarca

Antela Editorial, Ourense, 120 páxinas, 12,50 €, 2021

Coñecía o proxecto de Antela Editorial a través de diversas informacións e chegoume, días atrás, unha mostra do seu afortunado e loable traballo do que cómpre deixar unha breve constancia neste blog.

Cunha orientación de carácter solidaria a editorial puxo en marcha a edición de dous volumes que compilan diversos relatos cun obxectivo como é prestar un apoio destinado á ONG Aulas Abiertas, organización que mantén operativas diversas iniciativas centralizadas en diversos territorios andinos no Perú para o que as voces que integran estes volumes ceden os seus beneficios, alén de contemplarse unha cantidade concreta, en cada libro vendido, reservada para os devanditos proxectos solidarios.

A edición en lingua galega –Soños en Cajamarca– integra unha colectánea de voces interxeracionais de boa parte do máis salientable entre a literatura infantil e xuvenil galega. Velaí, así pois, un monllo de suxestivos relatos, heteroxéneos e que exhiben diversas temáticas e perspectivas, que chegan da man de An Alfaya, Miguel Ángel Alonso, Rebeca Álvarez, Concha Blanco, María Canosa, Paula Carballeira, Ramón Caride, Xavier Estévez, Antonio M. Fraga, Antonio García Teijeiro, Carlos Labraña, Iria Misa, Pere Tobaruela e Antía Yáñez.

Por outra banda, cunha proxección estatal, a editora apostou igualmente por un volume –Sueños de Cajamarca– que, baixo idéntica orientación, xunta no mesmo libro relatos en castelán grazas á Ana Alcolea, An Alfaya, Miguel Ángel Alonso, Rebeca Álvarez, Ramón Caride, Antonio García Teijeiro, Joan Manuel Gisbert, Alfredo Gómez Cerdá, Raquel López Cascales, Pilar Mateos, Francisco Narla, Mila Oya, Jordi Sierra i Fabra, Marinella Terzi e Esther Vázquez.

Beizón para unha iniciativa que entende a creación literaria de calidade como unha ferramenta, ademais, para exercer a solidariedade.