Orixe orzánica das sereas todas, de Rodrigo Osorio (ed.)

Rodrigo Osorio (ed.)

Orixe orzánica das sereas todas

Alvarellos, Santiago de Compostela, 130 páxinas, 14 €, 2021

Gostei desta proposta que Rodrigo Osorio subscribe como editor, talvez porque cadrou, circunstancialmente, coa lectura nun tempo non afastado de O home no castelo, de Philip Dick e co visionado dunha serie cinematográfica titulada El hombre en el castillo que, malia estar só inspirada no devandito libro nos seus primeiros capítulos, creo que resulta moi recomendable.

Dun ou doutro xeito, como no libro anterior, este título xoga ao recurso á ucronía, isto é, responde á pregunta formulada nos termos de que acontecería se…?

Así pois, Osorio deseña un libro onde, en aparencia, limita o seu labor ao ámbito de editor de dous textos rescatados que responden ao texto de ingreso na “Academia Galega da Lingua”, o 19 de novembro de 1953, de Urbano Lugrís González e a resposta de Leandro Carré Alvarellos, todo nun contexto histórico onde non hai pegadas de ningún levantamento militar, nin das súas funestas consecuencias, claro é, para a cultura galega. Velaí, así pois, como Osorio idea e dá forma a estes dous discursos que, sobra dicilo, resultan verdadeiramente sorprendentes pois abrazan unha tonalidade expresiva absolutamente verosímil para o tempo no que estes, teoricamente, se escribirían e pronunciarían publicamente.

Nos devanditos discursos xorde, lanzal e inigualable, a figura dun Urbano Lugrís máis acaroado á creación literaria que á pintura: talvez un Lugrís que explorou con máis intensidade as posibilidades expresivas da palabra en forma de libros para dar conta dun mundo persoal cheo de sereas, de lendas do Orzán, de figuras como Larma: unha muller mariña da Fisterra que lles deixou unha encarga ás súas sereas que convido a coñecer e da que trata por extenso no devandito discurso.

No fondo, o volume é, ao meu ver, unha extraordinaria e orixinal homenaxe á figura de Urbano Lugrís, de quen se reconstrúe unha biografía realmente apaixonante na parte do estudo final e que, malia que non todo decorreu como se conta, por algún momento chegamos a pensar en que marabilloso sería se o que se relata no libro formase parte da nosa realidade actual, isto é, onde figuras da nosa política e cultura non morreran asasinadas nin ninguén tivese que saír ao exilio; onde houbese revistas e xornais de longa tradición, onde non se abatese un tempo escuro: unha Galicia imaxinada, sempre libre, igual de resistente pero talvez aínda máis forte, acaroada ao respecto da nosa cultura, ao recoñecemento das nosas figuras literarias e non só, man a man cunha lingua viva e orgullosa de ser. Un libro para soñar, un libro para pensar, un libro onde mesmo é marabilloso ler unha bibliografía en boa parte apócrifa, pero que ben puido ter sido. Parabéns por este libro: ben merece ser lido.