A Torre de Hércules nos textos dos viaxeiros, de Xan Arias-Andreu Rodríguez

Xan Arias-Andreu Rodríguez

A Torre de Hércules nos textos dos viaxeiros

Trifolium, Fume de Leña, 102 páxinas, 16 €, La Alpujarra, 2020

Alégrame que Xan Arias-Andreu Rodríguez siga a manter aceso o facho da súa editorial desde a distancia. Os libros da editorial Trifolium sempre foron un exemplo da relevancia que se lle outorgou a unha coidada estética onde non é difícil atopar propostas singulares que non teñen cabida noutros selos editoriais.

Este é o caso, xustamente, do volume que nos ocupa e que nos ofrece unha escolma de textos, asinados por persoas que repararon na presenza da Torre de Hércules tras algunha viaxe, introducidos, anotados e traducidos polo propio Xan Arias-Andreu.

A edición incorpora, xa que logo, alén dun cartafol histórico conclusivo con imaxes e a reprodución de diversos planos, unha serie de textos fragmentarios que constitúen unha sorte de crestomatía heterexénea, integrando propostas de diversas épocas que veñen da man dun monllo de viaxeiros e viaxeiras entre os que se atopan John Adams, Alexander von Humgoldt, Archer Milton Huntington, Catherine Gasqoine Hartley, Annette M. B. Meakin, Manuel Azaña, Álvaro Cunqueiro, Hugo Rocha, Roberto Arlt ou Ruth Matilda Anderson entre outras voces. Textos, como é lóxico, ditados desde as instancias de diversas sensibilidades e diferentes enfoques entre os que hai pequenas alfaias, ao meu ver, como o que subscribe o arxentino Arlt -talvez pola súa orixinalidade no tratamento do motivo da viaxe- mais onde a práctica totalidade deles reparan tanto no proceso histórico da Torre como na súa extraordinaria monumentalidade, sen esquecer aqueles aspectos mái inclinados a salientar os aspectos simbólicos e identitarios que atesoura: esa “raíz galega e eterna” da que falaba o propio Cunqueiro. Unha fecunda e extraordinaria homenaxe á propia Torre de Hércules. Benvida!