Unha mente que voa, de Xurxo Mariño

Xurxo Mariño

Unha mente que voa

Xerais, Vigo, 128 páxinas, 18,80 €, 2020

Entendo que os libros de ciencia, e particularmente, de divulgación científica, accesibles a unha franxa ampla de lectorado e ideados coas garantías suficientes, constitúen un paso decidido e preciso para a formación persoal e para dispor de argumentos que posibiliten comprendernos mellor.

          O divulgador e neurocientífico Xurxo Mariño dispón, sen dúbida, dun perfil extraordinario para abordar este tipo de traballos, como xa demostrou en anteriores propostas, na medida en que conxuga unha sólida preparación co manexo, dúctil e meritorio, dun discurso narrativo marcado pola fluidez, ás veces polo desenfado e o humor, e sempre pola intelixibilidade.

          Neste volume, que ve a luz baixo o título de Unha mente que voa, achégase, como consta no subtítulo, ao tema da evolución da linguaxe: asunto, ao meu ver, verdadeiramente apaixonante ao se tratar dun foco de interese tratado en tantas ocasións pola filoloxía ou a gramática mais, moitas veces tamén, de costas ao que sería un natural diálogo ou interacción coa propia ciencia.

          Velaí como Mariño se adentra na linguaxe nos seres humanos onde articula unha reflexión substantiva entre a denominada autoconsciencia, o pensamento simbólico e a propia linguaxe, atendendo ás capacidades simbólicas do encéfalo que configuran unha mente á que lle cómpre a interacción social dunha comunidade.

          Difícil resulta sintetizar aquí tantos e tan interesantes capítulos que completan o libro. Saliento, con todo,  por ilustrativas e por rebateren tantos estereotipos, as páxinas centradas na vinculación entre o manexo de máis dunha lingua e as capacidades cognitivas ou entre a lingua que se fala e a maneira de deseñar o mundo. Hai, asemade, unha aseveración final inapelable que subliño: grazas á linguaxe elaboramos o pensamento simbólico e con el podemos acadar o que nos propoñamos pois “os límites están só na imaxinación”. En suma, un libro estimulante e indispensable.

Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem”, do suplemento Fugas (La Voz de Galicia) o 12 de febreiro de 2021.