Quero saír! Quero saír!, de María Canosa e Andrea Estévez

Chegoume hai uns días un novo álbum ilustrado que subscribe a escritora María Canosa, nesta ocasión con ilustracións a cargo de Andrea Estévez, baixo o título expresivo de Quero saír! Quero saír!, publicado en Edicións Embora.

Nun contexto pandémico é de agradecer a edición de proxectos creativos coma este que se nuclea por volta do concepto e as dimensións do confinamento doméstico a través dos ollos dunha protagonista que, pechada na súa casa, teima en reiterar o sintagma homónimo que titula o volume.

A vivencia do desacougo e do incomprensible, por veces convertido en desesperación, deriva nas solucións imaxinativas que se lle ofrecen como única e real saída da situación, isto é, o desexo de volver vivir como antes conduce a valorar con outra perspectiva os límites que debe ter o exercicio da propia liberdade, inspirándose ademais nos modelos que pode ofrecer a natureza, porque a liberdade é, agora, unha “convidada delicada”. Recomendable, especialmente, para reflexionar sobre as vivencias cotiás das persoas máis pequenas da casa nun tempo coma o presente.