Xela Arias estudante en Vigo (IES Castelao)

Foto que acompaña o seu expediente académico (1976)

Ao fío de numerosas achegas que van aparecendo por volta da figura, e a obra, de Xela Arias -interesantísima, por certo, a iniciativa desenvolta por Manuel Bragado en twitter baixo o cancelo de #XelaArias2021-, deixo constancia, neste breve apuntamento, das datas que se corresponden ao período no que estivo matriculada como estudante no IES Castelao de Vigo, que xa modificara a súa denominación desde o antigo “Instituto Nacional de Bachillerato Mixto nº 1 – El Calvario (Vigo)” a instancias dun equipo directivo dirixido por Marilar Aleixandre, aínda que na documentación oficial constase o seu anterior nome.

Tal e como se recolle no expediente 2.980 do IES, Xela Arias -daquela, oficialmente, María de los Ángeles Arias- matricúlase o 30 de setembro de 1976 para realizar o curso oficial de 1º de BUP. O título de bacharelato expedirase o 17 de setembro de 1980 pois cursaría 3º de BUP ao longo dos anos académicos 1978-79 e 1979-1980.

Tras un período, finalmente, de sete anos e con data de 19-9-1988, traslada o seu expediente ao INGABAD da cidade de Lugo. Nas materias escollidas como optativas en COU non constan as disciplinas máis humanísticas como eran Latín e Grego, senón Matemáticas xunto con Historia da Arte.

Por último, o seu período como alumna matriculada no centro estenderase, oficialmente, até o curso 1980-1981, cando realizou unha paréntese nos seus estudos oficiais para incorporarse ao cadro de persoal de Edicións Xerais de Galicia.

Inicio do expediente académico de estudos secundarios de Xela Arias.