Xela Arias na Asociación Cultural Zeca Afonso de Vigo

Dúas foron, que eu coñeza, as colaboracións puntuais que Xela Arias realizou coa Asociación Cultural Zeca Afonso de Vigo a finais dos anos oitenta. A primeira consistiu na súa participación no número 0 de Congostra. Revista de Ciencia, Arte e pensamento, datada en xullo-agosto de 1988: unha entrega que ía ser bimensual mais non gozou de continuidade.

Asemade, por volta dese ano -probablemente en 1987- a devandita Asociación organizou unha ambiciosa “Semana da literatura portuguesa en Vigo”. Como se pode ver no tríptico que incorporo neste apuntamento, Xela Arias presentou a Viale Moutinho que mantivo un coloquio sobre Camilo Castelo Branco e, ao mesmo tempo, presentaría o libro Amor de perdición que ela mesma traducira no ano 1986 para Edicións Xerais. Finalmente a propia Xela Arias traduciría, anos despois, o título Camiñando sobre as augas, de José Viale Moutinho (1993, Xerais).