MemOria, de Arturo Lezcano

Arturo Lezcano

MemOria

Dr. Alveiros-Fundación Vicente Risco, Allariz, 148 páxinas, 16 €, 2020

Hai pouco máis de dous anos faleceu Arturo Lezcano e para testemuñar que o seu perfil como narrador vai máis alá das súas obras publicadas ata o de agora, o selo Dr. Alveiros, dependente da Fundación Vicente Risco na que desenvolveu un meritorio e intenso labor, publica o inédito MemOria nunha edición ao coidado de Camilo Franco e Xosé M. Pacho, responsables do limiar e do epílogo, respectivamente.

Ben sabido é que a estética predominante nas obras narrativas do escritor ourensán abalou polas estremas da literatura fantástica, da ficción científica e do memorialismo e, como foi adoito nel, hai aquí ocasión para o inesperado ao quebrar as barreiras canónicas da novela, se é que hoxe as hai. MemOria é un exercicio de polifonía, un texto coral que entretece o noso pasado coa ficción, mesmo coa crónica, tantas veces irónica e aguilloante. Todo por xunto nunha proposta heteroxénea, incardinada nun ambicioso percorrido que atravesa a cerna do século XX que se focaliza desde unha voz senlleira que, proxectando unha ollada crítica,  tantas veces rebelde e subversiva, nos fala de Oria: esa cidade “secularmente levítica”; esa Aurea ou Oregón se se quer, estática e inmutable, onde seica nunca ocorre nada.

Son estas unhas memorias do autor? Talvez, mais iso non é o importante. Éo ese mare mágnum oceánico alimentado por un discurso dirixido a un álter ego do autor que vén sendo el mesmo dándolle forma a través do rescate ficcional de cartas, relatos, fragmentos parateatrais ou treitos ensaísticos entre os que por veces asoman ucronías, mais coa “memOria” sempre presente grazas ás páxinas onde se detén nas experiencias do desamor, na atracción irremediable  polo cine ou polo xornalismo; no trato con Risco ou con aqueles chamados “artistiñas”. Todo conxugado con esa visión dunha realidade que non fai falta deformar pois, como excelente narrador e xornalista que foi, cóntanola e abonda.  

Esta reseña publicouse na sección “Ex umbra in solem” do suplemento Fugas (La Voz de Galicia), o 19 de febreiro de 2021.