Kukinhas: dúas propostas culinarias

Hai uns días ocupábame do libro Unha mente que voa, de Xurxo Mariño e apuntaba a importancia que posúen este tipo de propostas divulgativas de corte científico. Non entendo como menor no ámbito da divulgación, neste caso inserida na longa tradición de libros de gastronomía, a achega que realiza Elisa Casal Couto, que desde hai anos mantén unha bitácora culinaria baixo o nome de Kukinhas, con dous libros publicados nun período de tempo relativamente breve.

O primeiro deles, titulado A viaxe culinaria de Kukinhas recrea, como reza no subtítulo, unha volta ao mundo en 50 receitas e, en efecto, a autora condúcenos, ao adoptar un criterio no que organiza dez receitas por continentes, a diversos pratos propios de distintos países de América a Europa; de África a Asia e Oceanía. Teño para min que o libro encerra a orixinalidade de presentar unha viaxe culinaria con receitas non exclusivamente galegas, relativamente doadas de realizar e, ademais, ten en conta a accesibilidade dos seus ingredientes.

Características semellantes son as que dominan un oportuno A cociña do Camiño de Santiago que posibilita articular xa non só unha viaxe gastronómica senón unha revisión sobre a cultura e a historia de territorios que, sendo diferentes, están unidos polo Camiño desde Saint-Jean-Pied-de Port até Compostela. Os pratos distribúense ao longo de trinta e seis etapas e son, loxicamente, moi variados: doces e salgados, de preparación rápida ou máis vagarosa, onde non é difícil atopar algunha gorentosa descuberta.

Destaco, finalmente, a coidada edición dos dous volumes, a transparencia da información que unifica os dous libros ao que axuda unha disposición folgada dos contidos e, sen dúbida, un excelente corpus fotográfico que Javier García Salgado integra neste libro.

2 Comments

Os comentarios están pechados.