Sther F. Carrodeguas
malcriada
Positivas, Santiago de Compostela, 72 páxinas, 10 €, 2020
Saíu malcriada do prelo de Edicións Positivas hai case un ano, en efecto, e a súa presenza aquí dilatouse máis do habitual, talvez outro resultado máis dos efectos que a pandemia tivo e ten no acceso e no tempo investido no proceso de lectura das novidades editoriais para min.
Con todo, malia a demora, estou certo de que este é un libro relevante, dalgún xeito novidoso, mesmo diría que pioneiro en canto á liña temática, e abofé orixinal no tratamento xenérico que Sther F. Carrodeguas lle outorgou.
malcriada, así pois, nace ou inspírase nalgunhas das vivencias que as persoas de Xiara (Asociación Galega de Empregadas do Fogar) lle relataron á autora. E esas experiencias convertéronse na base dun taller teatral para despois trasladarse a unha proposta que se abeira a un discurso poético inserido, con moita solvencia, nunha dinámica teatral ou parateatral explícita en apenas dúas acoutacións presentes ao comezo e ao final do libro.
E a voz autorial opta por fundirse coa das verdadeiras protagonistas destas “historias”, quen dubida que verosímiles, que fan referencia a acontecementos vividos como empregadas do fogar. A autora está presente na medida que dá forma, e articula acaída e coralmente, estes testemuños que apuntan xa non só a capítulos concretos da súa experiencia laboral pois en ocasións o trato que se lles depara non dura meses ou anos, senón toda unha vida. É un libro non exento de dureza e, ao tempo, conmovedor. Lémbranos, desde a primeira á última páxina, que este é un sector laboral desprezado e ignorado, obxecto de abusos de todo de tipo, carente de dereitos e oculto socialmente.
malcriada é un libro de denuncia que, a meu entender, non debería pasar desapercibido, pola súa honestidade, transparencia e alto valor social e literario.