Paula Castro galardoada na IV edición do premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey

Celebrei no día de onte unha reunión telemática con Carme Vidal, Ramón Rozas e Carmen Carreiro, alma máter do concurso que conta coa colaboración do Concello de Fornelos, para dirimir unha nova edición do premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey. Por unanimidade o galardón recaeu no artigo “Mulleres invisibles, mulleres desconfinadas” da autoría de Paula Castro. Reproduzo abaixo a valoración do xurado e ao mesmo tempo o artigo da gañadora. Os meus -nosos- parabéns por esta peza xornalística tan acaída ao espírito do galardón e benvida, Paula, á causa Lueiro.

O xurado salienta a solidez dun artigo que cumpre os requisitos do galardón Lueiro Rey, isto é, Paula Castro ofrece un texto que se acaroa á temática de preocupación cívica e denuncia social ao ofrecer unha reflexión sobre a estigmatización á que están sometidas as mulleres que viven de exercer a prostitución. A autora articula, asemade,  unha visión crítica e documentada sobre este negocio de explotación sexual e repara sobre o abandono que sofren estas mulleres sen dereitos, poñéndolle un rostro a persoas abocadas á invisibilidade, ao desprezo social e a unha heroica subsistencia.

Ademais, o xurado estimou a actualidade da súa temática, a súa solidez estrutural, a mesura na exposición dos datos estatísticos recollidos e o acaído rexistro literario que abraza.