Vicus. Un lugar afastado, de Beto Luaces

Beto Luaces

Vicus. Un lugar afastado

Bolanda, Santiago, 430 páxinas, 19 €, 2020

Pouco antes do comezo da pandemia participei nunha mesa redonda, con Manuel Esteban e Beto Luaces, baixo o título xeneralista de “Literatura e cidade: o caso de Vigo”. Dialogamos, daquela, na Escola de Artes e Oficios, nun encontro moi frutífero, sobre o proceso que explica como unha cidade se transforma en espazo literario para derivar nas particularidades que adoptaba Vigo na obra de ambos os dous autores.

Beto Luaces, que daquela xa dera a coñecer dous primeiros volumes do seu proxectoUn lugar do común (2017) e Un lugar aquelado (2019)-, xa confesaba ter disposta unha terceira entrega baixo o título de Un lugar afastado onde, de novo, afondaba na posibilidade de recrear territorios que van máis alá de simples panos de fondo como son a devandita presenza de Vigo, en especial o seu patrimonio arquitectónico, e a serra do Suído: un extraordinario espazo natural ameazado agora por proxectos que o modificarían de maneira irreversible. E aquí, como é común nas novelas anteriores, introduce con magníficos resultados e abrazando a estrutura de thriller, un novo foco de interese centrado en Alfonso Graña: un emigrante de Avión que chegou a gañar as denominacións de “rei dos xívaros” ou “Afonso I da Amazonia” e do que se deriva unha trama ficcional truculenta que activa con intensidade a necesaria tensión argumental.

Non esquece, asemade, grazas ás presenzas familiares do detective Peixoto, do arquitecto Barreiro, Catarina e outras novas, recrear asuntos como a conciliación familiar, a corrupción urbanística ou as estafas das chamadas preferentes, por só citar algúns deles nun final aberto que fai pensar na continuidade dun indubidable proxecto narrativo de éxito.