Xela Arias, de re varia

Remexendo nalgunhas caixas á busca duns textos atopei unha crónica que, no ano 1991, me solicitaran no “Galicia Literaria”, suplemento do xornal Diario 16 de Galicia, onde naquela altura colaboraba. Nela facía referencia á celebración do XI Festival de Poesía do Condado, encontro literario ao que Xela Arias asistiu durante bastantes convocatorias. Neste, concretamente, recitara tres poemas -“A descuberta”, “Ti di, di que me conquistas” e “Soldados”, que se recollen no libro desa edición e, máis tarde, formaron parte da Poesía reunida (1982-2004) (Xerais, 2018) disposta pola profesora María Xesús Nogueira.

Non se recolle aí, loxicamente, a fotografía que precede a reprodución dos tres poemas e que deixo aquí (a que ten á súa dereita o seu nome, lugar e data de nacemento), a carón doutra fotografía que precede dous poemas seus -“Son augas” e “DO MAR BRISA ARISTADA” que se corresponden coa súa participación no Festival na edición de 1987 e aínda engado a reprodución da súa sinatura, que consta na edición que integra os poemas que enviaron as persoas que participaron na edición do ano 1990.