Xela Arias, de re varia (II)

Ao fío do chío que hoxe Manuel Bragado incorporou na serie que deu en organizar baixo o cancelo #XelaArias2021: un recurso de extraordinaria utilidade didáctica e, ao meu ver, absolutamente referencial, atrévome a deixar aquí unha pequena achega.

Brétemas refírese, así pois, á inauguración da exposición Tigres coma cabalos, con poemas de Xela Arias e fotografías de Xulio Gil, que acolleu a Sala de Exposicións do Colexio de Arquitectos de Vigo o 16 de marzo de 1990 e o eco que suscitou nunha crónica de Fernando Franco.

Conservo, dunha maneira un tanto casual pois non adoito gardar este tipo de documentos, a tarxeta do convite á inauguración da exposición que serviu tamén para presentar o libro nun acto que organizara Edicións Xerais e que recordo como memorable. A tarxeta goza dun tratamento non habitual pois foi editada nun papel de gramado especial cunha textura rugosa á esquerda onde se pode observar un deseño de tres trigres, en efecto, coma cabalos.