Álvaro Cunqueiro, corenta anos despois, e Cunqueiro XL

Ao fío do cuadraséximo cabodano de Álvaro Cunqueiro as páxinas de “Cultura” de La Voz de Galicia acolleron, onte, este artigo -ao que lle segue outro de Héctor J. Porto- que incorporo ao blog.

Falecía hai hoxe corenta anos Álvaro Cunqueiro. Catro decenios en que resulta indiscutible que a súa presenza, se se quere en termos literarios, o proceso da súa integración no canon literario do século XX, foi a máis. E teño para min que, como adoita ocorrer, a súa obra e a súa figura en xeral, comezou a se valorar coa obxectividade que as ferramentas da crítica e a investigación literarias foron xerando, isto é, como unha das máis grandes figuras das letras contemporáneas. Unha figura, ademais, que proxecta unha influencia decisiva, sempre con diferentes modulacións, na prosa e na poesía galegas, tamén no teatro, neste período de tempo que sinalamos.

E a dinámica que se instalou para considerar a súa obra como un valioso patrimonio tras o seu falecemento é posible que gozase dun impulso determinante coa decisión adoptada pola Real Academia Galega que permitiu, aos dez anos exactos da súa morte, que protagonizara o Día das Letras, en 1991, e, sobre todo, posibilitou a organización dun magno congreso en Mondoñedo, celebrado do 9 ao 13 de setembro, cunha duración e unhas dimensións sen dúbida impensables hoxe en día.

Para as persoas que tivemos a fortuna de asistir e participar, aquel encontro supuxo a confirmación da extraordinaria atención crítica que o universo Cunqueiro xa se testemuñaba naquela altura: unha bola de neve imposible de deterse. De feito, non é difícil advertir que o número das achegas interpretativas e críticas inspiradas nalgún aspecto do escritor lugués constitúen un inequívoco e afortunado ámbito como confirman as reedicións dos seus libros, a aparición constante de inéditos, a compilación da súa inesgotable obra xornalística ou as ducias de estudos monográficos ou traballos académicos e divulgativos que foron abrollando. Iso si, fóra da escaseza de achegas biográficas de carácter global, limitadas, polo de agora, á que subscribiu Xosé Armesto Faginas no ano 1987: unha proposta que aínda resulta, en moitos aspectos, referencial.

Para se sumar a esta efeméride a Facultade de Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo promove, alén dun ciclo de conferencias e da organización dun concurso que convida á lectura das obras de Cunqueiro, unha publicación nunha edición non venal que moito nos gustaría que fose de difusión pública para persoas interesadas. Este libro, que ve a luz baixo o título de Cunqueiro XL. Escolma conmemorativa da poesía anosada por Álvaro Cunqueiro co adaxo do seu cuadraséximo cabodano, ofrece unha selección de poemas a cargo do profesor Xosé-Henrique Costas, hoxe por hoxe un dos especialistas máis salientables no proceso de recuperación e interpretación da obra dispersa ou inédita do autor do Merlín e familia.

Máis de 800 poemas traducidos

O libro presenta un total de cincuenta pezas de autores descoñecidos nas que Cunqueiro e o seu talento como poeta (e tradutor) escintila con luz propia. O editor afirma que o mindoniense, ao longo da súa vida, anosou máis de 800 poemas de máis de 400 poetas de nacionalidades e sistemas literarios distintos e que así contribuíu de maneira moi importante a prestixiar unha lingua coa achega de moitas mostras do mellor da poesía universal. Deste corpus global o libro conmemorativo rescata un medio cento de poemas pertencentes a escritores de moi diversas orixes e literaturas dos que o editor non atopou referencia -é un dos moitos fabulosos enigmas que adornan a obra do xenio mindoniense-, formulándonos, por extensión, varias preguntas: son poemas creados directamente por Cunqueiro?; son poemas de voces tan descoñecidas das que non se sabe nada? Velaí este verdadeiro xogo de máscaras tan puramente cunqueiriano. Poemas, como afirma o editor, de autoría espectral ou de alofonía fantástica? Marabilloso, Cunqueiro, sempre.

Este texto publicouse nas páxinas de La Voz de Galicia, o 28 de febreiro de 2021.