Xela Arias: de re varia (III)

Ben coñecido é, no ámbito dos recoñecementos ou homenaxes en forma de libro, o volume titulado Xela Arias, quedas en nós, publicado por Edicións Xerais no ano 2004. Un libro editado ao coidado de Valentín Arias, con fotografía de cuberta a cargo de Xulio Gil e disposto baixo o traballo de produción de Xosé Manuel García Crego e Teresa Rodríguez. O libro organizouse como unha colectánea de colaboracións dispostas baixo a sección “No pouso dos afectos”, á que se engadiu outra máis co epígrafe de “No silencio das palabras”, que recolle as palabras da cerimonia de despedida de Xela Arias de Xulián Maure e Yolanda Castaño -as de María Xosé Queizán están ausentes pois, lamentablemente, non se gravaron- e aínda se incorpora outro importante bloque -“Vencerse é cousa de se tratar”- que nos deixa os discursos e os poemas da “Homenaxe a Xela Arias” que se celebrou en Vigo o 29 de maio de 2004, sen esquecer, finalmente, unha aproximación biobliográfica completísima baixo a denominación de “Un día tiven desexos e cumprinos”. O libro presentouse na cidade de Vigo, nun acto organizado por Edicións Xerais e a Casa do Libro, o 15 de decembro de 2004, onde participaron Valentín Arias, Carlos Negro e Manuel Bragado.

Menos coñecido resulta, talvez, outro libro editado no ano 2005 polas lisboetas Edições Fluviais e a Libraría Couceiro baixo o título de Son de poesía e coordinado polo profesor e escritor Xoán Carlos Domínguez Alberte, con ilustración da cuberta e sobrecuberta a cargo do artista e poeta Baldo Ramos.

O libro organizouse como unha homenaxe a diversos poetas galegos que desapareceran había pouco tempo de maneira que as voces homenaxeadas foron as de Antón Tovar, Luísa Villalta, Manuel María e Xela Arias. Como se pode observar -grazas ao recurso de poesiagalega.org– o volume concibe unha conxunción de recoñecementos literarios mais tamén plásticos encadrados baixo catro bloques. As colaboracións das persoas participantes non están dispostas, exactamente, baixo cada unha das seccións que honran a memoria de cada voz, aínda que en liñas xerais si semella que o fan. Tamén cómpre advertir que algunhas das composicións están dedicadas, conxuntamente, a tres ou catro dos poetas falecidos.

No caso de Xela Arias os textos dispóñense baixo a denominación de “denuncia do equilibrio” e son unha achega gráfica a cargo de Lois Gil Magariño e seis literarias subscritas por Luz Pozo Garza, Gonzalo Navaza, Fran Alonso, Anxo Angueira, Alexandre Teixeira e José Carlos Soares.