Hoxe faría anos anos Xela Arias, nacida este día no ano 1962. Hai xa semanas que preparo este apuntamento co que obtiven un resultado que, dalgún xeito, clarexa a incógnita da súa participación, ou non, na revista escolar Ardentía que un grupo de alumnado do IES Castelao redactaba e vendía no curso escolar 1978-1979, cando Xela realizaba 3º de BUP. Actualmente non se conserva ningún exemplar na biblioteca do centro polo que tiven que apelar á memoria e esforzo de diversas persoas e amigas que, finalmente, me facilitaron unha copia das tres entregas existentes da revista e a quen agradezo moito a axuda prestada.
Ardentía, así pois, articulouse no seu tempo como unha revista modelo fanzine, que alternaba entre 12 e 16 páxinas, ciclostilada e cunha serie de contidos vinculados coa vida cotiá do centro e onde se acollían colaboracións de todo tipo; ademais contaba con publicidade de negocios da contorna do Calvario vigués ou doutras librarías da cidade.
Entre as colaboracións salientan as de textos reivindicativos respecto da lingua galega, as musicais e literarias mais non hai ningunha asinada, explicitamente, por Xela Arias aínda que resulta evidente que se situaba preto da iniciativa e que resulta máis que probable que axudase na composición ou distribución delas nalgunha medida.
Nestas páxinas son moi abondosas, por exemplo, as colaboracións do profesor e poeta Román Raña e doutras voces que logo serían coñecidas noutros ámbitos -sobre todo musicais- como Alberto Comesaña ou dalgún membro de Os resentidos. Inquirido Roman Rañá pola posibilidade de que, tras algún posible pseudónimo, estivese a sinatura de Xela Arias considerouno improbable aludindo á timidez e discreción de Xela Arias naqueles tempos.
A mesma fonte alude á celebración dun concurso literario no Día das Letras daquel ano no que tanto el coma Xela Arias gañaron un premio poético pero do que non hai constancia nin nesta revista -que concluíu co número 2 e antes daquel mes de maio- nin, polo de agora, noutro lugar.
Queda aquí, en memoria de Xela Arias, unha revista daqueles finais anos setenta e onde dalgún xeito tamén permanece a súa memoria e o espírito reivindicativo daqueles tempos.