Lampíricos, de Antón Lopo

Antón Lopo

Lampíricos

Fundación Uxío Novoneyra, Parada do Courel, 106 páxinas, 18 €, 2020

A performance “Lampíricos”, que o artista polifacético, poeta e editor Antón Lopo estreou en 2013 e que un ano despois, entre outros lugares, exhibiu na sede da Fundación Uxío Novoneyra, cobra agora unha nova vida a través dunha edición que a devandita e activa institución, na súa fermosa colección “Valumbo”, pon agora nas nosas librarías.

                Non é doado, claro é, verter en papel un proxecto que se ideara cunha fasquía parateatral, onde a corporeidade e a propia luz, a carón da palabra, adquiren unha categoría esencial. Con todo, esta edición esteticamente impecable incorpora nalgunhas páxinas un tratamento inusual e, ao tempo, sorprendente que lle fai xustiza á singularidade da proposta orixinal.

                Con Lampíricos verifícase unha experiencia feraz e chea de forza onde, a través de cinco seccións, transitamos por unha sucesión de territorios e experiencias guiados, ás veces, por un poeta disconforme e “dismoderno” que mesmo, en ocasións, atopa ao Lopo poeta co que conversa. A alusión que señorea a proposta, isto é, a dos coleópteros máis recoñecidos polo seu cortexo nocturno, adopta sentido cabal co xogo lumínico e tamén sensual que intensifica este percorrido exílico e que nace do concepto de resistencia aplicado á sociedade actual, onde gaña intensidade un  espírito radicalmente crítico o signfinicado da ironía.

                Poesía conceptual? Sen dúbida, pero armada tamén doutras intencións como a reflexión sobre a propia identidade para reaccionar diante do inconcibiblemente real. Un universo no que está presente a memoria, poboado asemade de mestres sufís e de mulleres libres e hurís, para atopar o que sempre se pide á poesía: conmoción.

Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem”, do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 5 de marzo de 2021.