Ser en / To Be In, de Eva Veiga

Eva Veiga

Ser en / To Be In

Artepoética Press, Nova York, 178 páxinas,  22 US$ 

Gustoume este reecontro coa palabra de Eva Veiga, poeta con maiúsculas que sempre é un pracer ler se non se ten a oportunidade de escoitar.

Gustoume porque a poesía de Eva Veiga, antologada nesta ocasión con tino e acerto pola profesora Teresa Seara, acompañoume durante varios días nunha lectura vagarosa porque o que escribe, todo o que escribe, entra sempre polos sentidos e fica gravada na memoria coma se fose un convite expreso que deixa un pouco para a reflexión, para exercitar o pensamento.

Están aquí recollidos sesenta e tres poemas nunha edición trilingüe que recolle os orixinais en galego, traducidos asemade ao castelán por Teresa Seara e versionados ao inglés a cargo de Craig Patterson. Poemas que permiten realizar unha lectura -e non é doado- global do que significa a traxectoria poética de Eva Veiga onde asoman, como non, eses motivos que se acomodan a unha estética que formalmente abala entre o esencialismo e a predisposición máis narrativa cun xogo imaxinístico proverbial. A poesía de Eva Veiga abraza sempre unha querenza natural pola profundidade semántica e a memoria; é unha indagación no propio eu acompañada dunha simboloxía onde salientan a procura insistente da luz e do amor, a reflexión sobre a materialidade e a espiritualidade do corpo, lembrándonos a permanente esencia que a súa palabra encerra para algo tan preciso como poder soñar.

O libro ábrese cun prólogo, a cargo de F.X. Fernández Naval, dos máis fermosos, lúcidos e emocionalmente intensos entre os que eu lin ata o de agora. Son, pois, moitas as razóns polas que animo a coñecer este libro.