Escollo dous libros de narracións e un libro de ensaio como algunhas das posibles recomendacións literarias para este 8M.
O primeiro deles –Nós, xs inadaptadxs. Representações, desejos e histórias LGBTIQ na Galiza– foi un proxecto colaborativo que se xerou logo dunha campaña de micromecenado en Verkami e que acolleu posteriormente o selo Através Editora. Un libro de autoría múltiple que, en palabras da editorial, persegue o obxectivo de “desheteropatriarcalizar o nosso relato cultural, histórico e político e de abrir as suas portas para o mundo, mesmo com contradições. Nele reúnem-se diferentes pessoas, olhares, metodologias, disciplinas e temáticas acerca da questão LGBTIQ galega e cria-se, portanto, um lugar de encontro para diferentes corpos e subjetividades”.
No ámbito da narrativa dous libros de relatos de intención parella. O primeiro é Entre donas, xa aparecido hai algúns meses, que recolle un total de dez relatos de escritoras galegas de arestora como son Marilar Aleixandre, Marica Campo, Rosalía Fernández Rial, Inma López Silva, Teresa Moure, Emma Pedreira, María Reimóndez, Eli Ríos, Anxos Sumai e Antía Yáñez, con epílogo de Ana Luísa Bouza, vinculados pola idea de “colocar as mulleres no centro da historia”.
O segundo, tamén de autoría múltiple e semellante vontade, trátase de Libres e vivas, no que colaboran Anxos Sumai, Berta Dávila, Charo Pita, Elisabeth Oliveira, Esther F. Carrodeguas, María Canosa, María López Sández, María Xosé Porteiro, Mercedes Queixas e Paula Carballeira e que se centran en cuestións como o machismo, o terrorismo patriarcal contra as mulleres, a liberdade e a igualdade.
Parabéns por todas estas iniciativas, para este 8M e para todo tempo e lugar.