Autógrafos de Celso Emilio Ferreiro

Ao fío da presentación de Chorimas para Celso Emilio Ferreiro. Un memorial 1979-2019 a miña prezada e xenerosa Marilar Aleixandre agasalloume cun documento moi interesante como foi un tríptico publicado ao abeiro do Partido Socialista Galego co que o autor de Celanova participou activamente nas primeiras eleccións democráticas trala ditadura. Se ben xa tivera a fortuna de visualizar este documento que inclúe un texto poético titulado “Romance eleutoral do cego de Trasmirás” non conservaba ningún exemplar e este, en especial, goza da virtude de estar asinado polo autor.

Por outro lado, esta mesma semana, unha man amiga agasalloume cun exemplar da edición bilingüe de Viaxe ao país dos ananos, atopada na libraría solidaria viguesa Aida Books onde os libros gozan, en efecto, dunha segunda vida. O volume, editado El Bardo con tradución e prólogo de Xesús Alonso Montero, posúe tamén unha singularidade como é a de presentar unha dedicatoria asinada en Caracas no ano 1972 do propio autor, nunha práctica que lle engadía un valor engadido a cada libro. Arriba a mostra fotográfica destes autógrafos.