A cabalo dunha pomba, de Polo Correo do Vento, con ilustracións de Tania Solla

Polo Correo do Vento

A cabalo dunha pomba. Pequena biografia de Manuel Lueiro Rey (ilustracións de Tania Solla)

Lela Edicións, Pontevedra, 32 páxinas, 6€, 2020

Para todas as persoas que militamos na “causa Lueiro” este é un libro imprescindible; para aquelas máis novas que queiran adentrarse na figura e na obra de Lueiro Rey antóllaseme como fundamental e, finalmente, para quen descoñeza a traxectoria vital do escritor de Fornelos de Montes e as claves máis relevantes dunha obra literaria rica e heteroxénea como foi a súa é insubstituíble.

Articulado como un libro para nenas e nenos de máis de seis anos, malia que -insisto- resulte unha regalía achegarse a el teña a idade que teña calquera persoa, este A cabalo dunha pomba percorre, con sinxeleza e con rigor, os aspectos biográficos máis salientables de Lueiro Rey, a carón das claves que rodean a súa produción literaria e que así, nos fan viaxar de Fornelos a Pontevedra e ao Grove; detense nos seus primeiros escritos ata a súa célebre novela Manso; repara na súa actividade política clandestina e na súa vida familiar, establecendo un diálogo cun corpus de ilustracións que, particularmente, me pareceu moi suxestivo e interesante como amosa o traballo da ilustradora Tani Solla ofrecendo un xogo creativo, en ocasións, coas imaxes conservadas máis icónicas do autor de Non debían medrar e cos espazos e as persoas máis importantes na súa vida noutras intervencións plásticas.

Talvez era esta unha achega que se botaba en falta porque vai axudar, de maneira determinante, a difundir a memoria de Lueiro entre as persoas máis novas. Este venres, no Grove, presentarase diante dun auditorio infantil e, desde o día 9 de abril estará nas librarías. Moi recomendable, non teño ningunha dúbida: un gran traballo de Polo Correo do Vento; grazas Carlos Taboada!