María Canosa
Emilia Pardo Bazán. Unha mente poderosa (ilustracións de Bea Gregores)
Bululú, A Coruña, 16 €, 48 páxinas, 2021
No Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e a poucas xornadas de que se celebre o centenario do falecemento de Emilia Pardo Bazán, concretamente o 21 de maio, saúdo esta achega de corte biográfico, en formato de álbum ilustrado, sobre Emilia Pardo Bazán da que se responsabiliza a escritora ceense María Canosa e ao que se incorpora un corpus de ilustracións realmente memorable debido á man de Bea Gregores, que percorre con expresividade e forza os espazos frecuentados pola escritora alén de inspirarse en fotografías e referencias de diversa orde daquela época.
Emilia Pardo Bazán. Unha mente poderosa, así pois, disponse como unha achega valiosa para internarse no universo literario e vital da autora de Los pazos de Ulloa grazas ao coidadoso traballo de María Canosa. O libro, estruturado baixo un criterio cronolóxico, revisa aqueles acontecementos vitais e literarios máis salientables de Pardo Bazán nunha aposta por achegar esta figura ao lectorado máis novo aínda que non só, tal e como se concibira o traballo pioneiro de María Xosé Queizán publicado en 2014 baixo o título de Emilia Pardo Bazán. Unha nena seducida polos libros (Xerai) aínda que orientado este, talvez, para un público máis formado. No caso que nos ocupa, grazas a un discurso áxil e transparente, documentado con precisión e rigor Canosa subliña a enorme capacidade de traballo da escritora, a súa innegable vitalidade, alén de explicarnos as causas da súa paixón lectora ou de desvelar as dificultades coas que tivo que enfrontarse por querer seguir o seu propio camiño e por ansiar a súa independencia como muller escritora, sen esquecer tampouco as claves das polémicas que mantivo, por exemplo, cos rexionalistas ao longo da súa vida.
Van chegando tamén outras achegas desde nós ao mundo de Pardo Bazán como o ensaio subscrito por Marilar Aleixandre e María López Sández baixo o título de Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán (Galaxia, 2021) ao que tamén cumprirá achegarse. Polo de agora, este volume editado por Bululú coido que cumpre unha función fundamental no espallamento da personalidade e da achega literaria da autora de La cuestión palpitante. Celebro a súa aparición.