Ultimo estes días un traballo sobre a recepción de Tigres coma cabalos de Xela Arias e Xulio Gil, isto é, sobre cal foi o enfoque que posuía o proxecto desde as instancias autoriais e como foi o proceso de recepción nos medios escritos. A primeira referencia que probablemente haxa a este libro é unha entrevista que lle outorga á xornalista Carmen Llano, do Atlántico Diario, e que viu a luz o oito de xullo de 1989. Sospeito, daquela, que o libro formaría parte xa do plan de edición de Edicións Xerais de Galicia para o ano seguinte.
Nas declaracións respecto do libro xa apunta a súa composición: 48 poemas con 48 fotografías “en blanco y negro hechas sobre desnudos de hombre y mujer, no tratan de ilustrar el poema sino de unificar as ideas”. Alén doutras respostas sobre a novela en galego, a poesía -que, ao seu xuízo, “viene muchas veces más mostrada en la música, como el rock and roll, que en los libros de poemas”- ou da súa participación como letrista para Los desertores, inquirida pola perda de encanto da “nocturnidad local” afirma, intúo que espontánea e rotundamente, que aquel está “en las personas y en la noche en si”.