O fanzine Katzrsis publicouse na cidade de Vigo no ano 1982 e tivo unha duración de seis números. Foi alentado polos irmáns Paco e Víctor Tizón e nel colaboraron autores locais como Tokio ou Norberto Fernández. Contou, asemade, cunha gran presenza da banda deseñada. Como anécdota, no cadro de colaboracións consta Xela Arias co seu apelido errado pois foi substituído por Álvarez.
No número 3 da revista Xela Arias incorpora o poema “Érgome”. Un poema, ao meu ver, extraordinario que debería formar parte da antoloxía de poemas dedicados á cidade viguesa e que este ano merecería ser divulgado e analizado como debera, sobre todo neste territorio onde viviu Xela Arias os máis dos seus días. Velaquí o seu comezo e, abaixo, a súa primeira versión no devandito fancine (lamento a mala calidade da reprodución que non puiden mellorar).
«Érgome
e Vigo vai aínda durmido
neboeira salgada
a electricidade electrizado paxariño
que te oio musicado e vals
no silencio húmido
as pedras a min pegado
navegan as horas do soño
co sol… »