O sábado 29 de maio de 2004 celebrouse a segunda homenaxe póstuma a Xela Arias. Esta desenvolveuse no espazo da Fundación CaixaGalicia de Vigo nun acto organizado pola Asociación Galega de Editores, a Asociación de Tradutores Galegos e a Asociación de Escritores en Lingua Galega.
No acto participaron Ana Romaní, Miguel Anxo Fernán Vello, Carlos Negro, Xosé María Gómez Clemente e Xulián Maure e soou a voz de Xela Arias que o compositor Fernando Abreu gravara nun proxecto no que el e Xela Arias traballaban e que non puido ver luz polo súbito falecemento da poeta. Algo que nunha inminente edición de Intempériome (Xerais) si será posible.
Reproduzo abaixo dúas informacións previas publicadas nas páxinas de Galicia Hoxe (26-5-204) e do Atlántico Diario (25-5-2004), alén dunha crónica da homenaxe a cargo de Amaia Mauleón nas páxinas do Faro de Vigo (30-5-2004).


