Daniel Chapela (coord.)
Xela Arias. Poeta nas marxes
O Arquivo das Trasnas, Pontevedra, s/p, 10 €, 2021.
Pasei onte pola libraría Cartabón e adquirín un exemplar deste Xela Arias. Poeta nas marxes. Un volume que me interesou moito, coordinado con eficiencia e bo resultado por Daniel Chapela e presentado nunha edición semellante ás dos álbums ilustrados con profusión de ilustracións e integrando unha atractiva maqueta debida a Beatriz Pereira.
Xela Arias. Poeta nas marxes, así pois, achega un monllo de colaboracións complementarias e, ao meu ver, suxestivas, que se nuclean arredor da protagonista do Día das Letras deste ano. Velaí como María Xesús Nogueira realiza unha solvente revisión das claves estéticas de Xela Arias; Susana Trigo Areos recrea a relación de amizade, e devoción, que mantivo coa autora de Tigres coma cabalos a partir da colaboración que realizaron, ambas as dúas, na revista Carel; Ana Romaní achégase a unha interpretación modélica dos seus catro libros poéticos; Marga do Val acode á memoria para retratar as impresións que a persoa e a poeta sedimentou nela; Manuel Bragado realiza un achegamento á historia de Edicións Xerais onde Xela Arias desenvolveu un papel relevante de maneira que realiza un seguimento minucioso polos pasos que deu na editorial viguesa desde a súa fundación ata as súas últimas colaboracións e, finalmente, Daniel Chapela achega unha revisión da acollida da obra poética de Xela en diversas antoloxías da poesía e estudos literarios onde se evidencia que “o afastamento de Xela Arias do canon e do recoñecido estaba en marcha”.
Completa esta publicación unha antoloxía -coidada antoloxía- de diversas composicións poéticas de Xela Arias extraídas dos seus catro libros publicados.
Non o dubido: unha publicación moi interesante e altamente informativa. Esencial para camiñar con propiedade neste 2021 literario. Parabéns ás persoas que a idearon e levaron a cabo.