Celebrouse hoxe no IES Castelao a primeira xornada da homenaxe que o centro lle tributa á que foi antiga alumna do mesmo ao protagonizar o Día das Letras Galegas deste ano. Como afirmaba un estimado compañeiro docente o maior recoñecemento que pode acadar alguén no eido das nosas letras polo que era de lei que a comunidade educativa na que se formou articulase este e outros eventos.
Coa presenza de representantes institucionais, do profesorado e do alumnado e, por suposto, da familia de Xela Arias, descubriuse unha placa que desde agora abraza co seu nome un dos espazos máis relevantes do centro denominado “Paraninfo Xela Arias”, situado a carón da reprodución dun dos versos máis afortunados da autora como foi “Vencerse é cousa de se tratar”.
Actuou como mantedor do acto o profesor Agustín Nieto que, ademais de explicar o sentido da homenaxe e a súa xestación, foi dando paso ás diversas persoas que ocupaban a mesa: Marco Veiga, director do centro; Darío Gil Arias, fillo da poeta e Valentín García, en representación da Xunta de Galicia. Houbo emotivas intervencións como as de Mónica Soto, docente e amiga de Xela Arias e as que viñeron das voces do estudantado que deron lectura a poemas e fragmentos de Non te amola! Pechou o acto unha memorable intervención musical a cargo de Clara Pino -tamén amiga de Xela Arias- acompañada polo músico Pablo Vidal.
Unha primeira xornada que se entende como o pórtico máis acaído para un ciclo que quere ser un punto de encontro con actividades formativas nucleadas por volta dos diversos aspectos que suxire a obra de Xela Arias. Grazas a todas as persoas que participaron (velaquí unhas fotos do evento).







