Ciclo “Xela Arias: unha homenaxe” no IES Castelao con Manuel Bragado: “Xela Arias 2021: unha chiografía”

Celebrouse hoxe a terceira sesión do ciclo “Xela Arias: unha homenaxe” que a comunidade educativa do IES Castelao lle tributa á que foi a súa alumna.

Manuel Bragado ofreceu un relatorio suxestivo e innovador baixo a denominación “Xela Arias 2021: unha chiografía” que é, ao tempo, unha chiscadela ás Fotografías que durante tantos anos editou Edicións Xerais. Introduciu a súa disertación facendo unha breve referencia á súa propia identidade dixital e ao proxecto que, en twitter e baixo a etiqueta de #XelaArias2021, vén desenvolvendo arredor de diversos aspectos que suscita a poliédrica figura de Xela Arias, ao ritmo de, cando menos, un chío ao día. E precisamente este foi o fío da súa intervención, isto é, unha revisión ou, máis ben, unha escolma dos chíos que, dedicados á autora de Tigres coma cabalos, resultan operativos para percorrer ou reconstruír, visualmente e con moi poucos caracteres, ángulos diversos de Xela Arias como son os estritamente biográficos e os que abrazan a súa dimensión como creadora compoñendo un fresco de indubidable interese para todo profesorado e alumnado que asistiu. Beizón, Manolo, pola túa achega. Velaquí unhas fotos do acto.