Xela Arias: “Vigo suxíreme dor”, entrevista de María Alonso

En marzo de 1989, case un ano antes da edición de Tigres coma cabalos, e cando contaba con 27 anos, Xela Arias concedíalle unha entrevista que entendo importante á xornalista de Atlántico Diario María Alonso. Alén do titular que traduzo á nosa lingua -de certo que unha tradución da tradución- é esta unha conversa interesante ao meu ver pois Xela Arias fala de cuestións vitais e literarias que me parecen de importancia. Nela, alén de citar xa a preparación do libro arriba amentado, formula cuestións que axudan a deseñar a súa personalidade literaria: o desexo de escapar do definido ou feito, a súa desubicación xeracional ou a crenza no papel da poesía como ferramenta que pode ser operativa para cambiar as cousas. Ademais, fai memoria da súas primeiras incursións creativas, as influencias literarias e a opinión que lle suscita Vigo: “cidade fronteiriza”, que “non está a medio camiño” e que goza de “moita vida o que significa dor e pracer ao un tempo”.

Interesantes resultan tamén as apreciacións arredor de Denuncia do equilibrio, que entende como un libro adolescente mais respecto do que ofrece unha clave -algo creo que non habitual nas súas entrevistas ou intervencións- interpretativa tras ser inquirida sobre como se plasma o espírito de innovación que persegue: “no libro, na falta de puntuación, na profusión de espazos en branco que presionan ao lector a un ritmo determinado”. Aprecia, así mesmo, unha evolución na súa poesía na que persegue “máis xerar sentimentos que dar moralexas”.

Posicionamentos sobre cuestións xeracionais de novo, arredor da dificultade de publicar, dos perigos da “era dos orenadores” conclúen a entrevista onde engade unha reflexión sobre a lingua galega que cumpría subliñar e divulgar: “Creo que vivimos nun país que perdeu o respecto a si mesmo, se é que algunha vez o tivo, e un dos aspectos fundamentais para recuperalo é o idioma”.

Unha entrevista, a meu entender, fundamental para reconstruír o perfil literario, tamén persoal, de Xela Arias.